top of page
OINSPECTOR_3.jpg

TEATRO MUXICAS

O grupo de teatro Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actrices e actores invidentes ou cunha discapacidade visual grave. Impulsado pola delegación da ONCE en Ourense, leva case vinte anos facendo posible que persoas con diversidade funcional poidan achegarse con profesionalidade, rigor e compromiso artístico ao mundo do teatro. 

Dende o ano 2007 a dirección do grupo recae en Tito Asorey e Melania Cruz, cos que levaron a escena nove espectáculos que foron vistos en escenarios de todo o país, entre eles o célebre Teatro Arriaga de Donosti. O grupo foi galardoado no ano 2012 co Premio Max ao mellor labor en prol do teatro afeccionado.

O obxectivo desta agrupación artística é dobre: dunha banda, loitar pola inclusión deste colectivo no eido escénico, empregando a expresión dramática como medio para desenvolver unha maior autonomía persoal, eliminando os prexuízos e os falsos mitos con respecto ao mundo da cegueira, e por outro, perseguir claramente un obxectivo artístico, traballando arreo para ofrecer espectáculos que poidan ser gozosos para público vidente e invidente.

EQUIPO DE DIRECCIÓN

SaraReySeoane-08.jpeg

SARA REY

Sara Rey é directora e dramaturga. Licénciase en Historia da Arte (USC) en 2017 e Dirección de Escena na ESAD de Galicia en 2022, e obtén un Mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade (UDC) en 2024. Dirixe Novecento con Ancoraxe, a compañía que crea en 2022. Ademáis estrea Iphixenia na porta do súper con Compañía Humana e Antonio e Cleopatra dentro da proposta Shakespeare en Roma para o Centro Dramático Galego. É axudante de dirección de Tito Asorey en A lúa vai encuberta (Incendiaria e A Quinta do Cuadrante) e en Recortes, caneos e outras formas de driblar (Centro Dramático Galego e Ainé). Fai a produción do documental Memoria do teatro galego para o Consello da Cultura Galega e axudantía de produción na MIT de Ribadavia en 2020 e 2021. En 2021 gaña o II Certame de Microteatro da Memoria con A patente do sol. Dirixe, dende 2023 a Aula de Teatro Universitaria da Coruña. Próximamente dirixirá a peza A cámara escura para Vórtice Escénico (Premio Roberto Vidal Bolaño) e Heroes en decembro para Ancoraxe.

  • Negro del icono de Instagram

INTEGRANTES DO GRUPO

O elenco de Teatro Muxicas está conformado na súa maior parte por intérpretes cegos ou con discapacidade visual grave, case todos eles afiliados á Organización Nacional de Cegos de España (ONCE). Durante os máis de vinte anos de existencia desta agrupación pasaron por ela unha grande cantidade de persoas que atoparon así un xeito de dar saída ás suas inquedanzas artísticas. Todas elas forman parte dun colectivo teatral onde poden aprender e enriquecerse como persoas a través da arte dramática, non só realizando espectáculos que percorren a xeografía de todo o país, senón tamén participando en obradoiros de creación escénica e outras moitas actividades ligadas co mundo da interpretación. 

Neste momento o elenco de Teatro Muxicas está formado por Aída Saíz, Severino Pérez, Luis Pequeño, Ricardo Rodríguez, María del Carmen Fernández, Eva Herbella, Paco González, Eva Estévez, José Ramón Fernández, María Pérez e Mercedes Mena.

COLABORADORAS

Desde a creación do grupo, moitas profesionais das artes escénicas axudaron a que as diversas creacións do grupo foran posibles, colaborando co equipo de dirección para conformar as experiencias formativas e artísticas que posibilitan os principais obxectivos de Teatro Muxicas.

Créditos da web: 

- Fotografías de O Inspector de Lucía Estévez. 
- Outras de fotografías de Marcos Martínez, Sergio Lardiez, Tito Asorey, Alexandra Dimitrieva, Sara Rey
- Deseño web de Tito Asorey e Sara Rey

LOGO2.png
bottom of page